martes, 24 de julio de 2012

Precisión Gastronómica. Nova modalidade Standard en Xove

É preciso agradecerlle ós directivos do Club de Tiro Costa Lucense de Xove a súa inmellorable "puntería" e dedicación para as larpeiradas gastronómicas. Nos agasallaron cunha mesa convertida nunha diana chea de deces para un abraiante xantar. Este xantar, ou Gran Mariscada, e xa máis que un clásico deportivo das competicións de tiro, é a nova modalidade de Precisión Gastronómica (de Groso Calibre).

Empezamos a modalidade no mesmo Campo de Tiro de A Grava, onde puidemos coller folgos con café quente, bollería, refrescos, pan de forno de leña de trigo do país, viños, xamón e máis embutidos. Ningún tirador quedou sen enerxía para competir en igualdade de condicións.

Os disparos de proba fixémolos nada máis chegar ao restaurante no seu agarimoso xardín. Tiramos co groso calibre do xamón de porco celta landreiro, queixo de San Simón da Costa e outros peperetes: polbo á feira do calibre 12/80; calamares rebozados que semellaban os buratos feitos por un 32 Wadcutter; empanada de follado e outros queixos deliciosos para parchear os buratos que quedaban, se alguén os tiña aínda, cuestión moi dubidosa.

Pasamos á cancha de tiro reconvertida en comedor e alí pousamos as nosas armas á espera da munición. Empezamos cun calibre 45 ACP, unhas nécoras da nosa ría, moi manexables en calquera man, de tamaño medio e moi sabrosas. A nosa velocidade chuchando das súas patas semellaban ser as balas do calibre 22 Lr disparadas en Pistola Velocidade.

Seguimos a disfrutar ata a fartura co 9 mm Percebeiro, balas de 250 grains do mellor Roncudo, pero dándolle caña como quen dispara en IPSC e non pousadamente como en precisión. Os anxos do ceo practican esta modalidade, a bo Fé que si.

De seguido, co arrecendo sublime da pólvora marisqueira aínda nos beizos, dimos conta dunha langosta cocida, tal cual un Colt Python disparando cun 357 Magnum. ¡Indescriptible a langosta soíña e cos prebes!

Pra rematar esta orxía marisqueira disparamos a gusto cun lubrigante á grella, da nosa costa e do calibre 38 Special. Estaba perfecto, no seu punto, non torrado, fresco, pouco graxento, cun arrecendo e un sabor inmellorables.

Por se alguén quedara con fame ou sen munición, rematamos cunha carne de terneira chea de ternura acompañada de cogomelos, patacas panadeira, chícharos e cenorias. Esa carne era como a dos xantares de festa, cando cativos, aqueles xantares nos que se mataba un becerro da casa e cando a carne tiña sabor propio e denominación de orixe. Lembroume a un corzo que cociñamos hai ben poucos días e que cazamos cun 300 Winchester Magnum a 200 m.

Rematamos coa pólvora negra. Os xelados e a tarta de chocolate semellaban ser a carga precisa para deleitarse cun Santa Bárbara do 44 en Mariette, ou calquera outra arma para Kuchenreuter ou Vetterli. Cafés e chupitos sen límite axudaron a limpar os casquillos desta "tirada gastronómica".

Desexamos, os tiradores, que o exemplo agrome nas directivas doutros clubes e así poder disfrutar do deporte do Tiro Olímpico e da gastronomía autóctona. ¿Por que non unha tirada adicada ao lacón con grelos, ao porco celta, ou ao berberechiño, ou mesmo á bica con torreznos?

Saúde e moita pólvora para todos. 

Bo proveito.